Existe un lugar en Galicia que conserva en pouco máis dun quilómetro o tesouro de toda a súa historia.
Está en San Vicente do Grove.
Nun entorno paisaxístico memorable, falarémoslles de deuses esquecidos, de lendas, de misterios… guiarémolos polas mesmas sendas que percorreron todas as civilizacións occidentais ao longo da Historia: saefes, celtas, fenicios, romanos, suevos, viquingos, árabes, e tamén Xulio César, o Apóstolo Santiago, piratas e corsarios…
Todo está nesta ruta
Ruta: 3,5 kms aproximadamente
Duración: dúas horas
Dificultade: mínima, lixeira pendente
Recomendacións: calzado cómodo, gorra, auga, protección solar
Horario: A concertar
Descontos para grupos e familias.
Trátase dun enclave único, de enorme riqueza, imposible de encontrar noutros lugares dun modo tan perceptible, concentrado e significativo, un punto de referencia fundamental cunhas características históricas e etnolóxicas que verdadeiramente resumen a historia de Galicia.
Desde AdroVello queremos dárllelo a coñecer ofrecendo a posibilidade de realizar unha visita guiada e consciente, unha andaina que faremos explicando en detalle os elementos que o conforman, dando un paseo pola historia e a natureza inmersos nunha paisaxe de impresionante e sanadora beleza.
-
Un comezo nos Castriños, a nosa orixe
-
Unha presentación do xacemento de Adro Vello, o que agacha e parte do que queda por saber
-
Un paseo de luz e mar por praias de San Vicente
-
Unha visita pormenorizada ao conxunto integrado pola igrexa parroquial, casa reitoral, campanario exento e escultura da moeda da Traslatio, símbolo do Xacobeo 2021
-
Unha parada obrigada nas ruínas da Casa da Fonte, imaxe no escudo do Grove que representa San Vicente e que encerra feitos transcendentais na nosa historia local e que reflicten moito da de Galicia
Pode ver máis imaxes da ruta.
Poderemos tomar, ao remate, un pequeno petisco e bebida xuntos.
Ademais, recomendámoslles quedar en San Vicente e descobrir todos os lugares de interese que ofrece para comer, para visitar, para quedar, que seguro contribuirán a que pasen unha xornada moi especial.
O noso proxecto pretende asemade incidir neste importante e significativo testemuño cultural que beneficia e enriquece a historia non só de San Vicente do Grove senón de Galicia.
A difusión rigorosa e concienciada do noso patrimonio histórico a través desta andaina pola historia, e o coñecemento e valoración da importancia deste impresionante legado pretende tamén chamar a atención de todos acerca da necesidade de coidar, protexer e recuperar todo este conxunto.
Quen somos
As que imos acompañalos nesta andaina nacemos e vivimos aquí, gozamos San Vicente plenamente e queremos mostrárllelo dunha forma que non imaxinaban: distinta, vívida, emocional.
Será un percorrido cheo de luz, guiado e pautado, no que, veñan de onde veñan, non só chegarán a apreciar a importancia deste lugar para a Historia, senón que, sen dúbida, formarán parte dela.